Ruta 5. Faros de Mera. Natureza

Datos técnicos Natureza Historia Turismo Fotos e vídeos Descargas
 

Esta ruta transcorre polo municipio de Oleiros, e é unha zona costeira cun clima de influencia atlántica e oceánica que logra manter unhas temperaturas suaves nas catro estacións cunha constante de humidade por riba da media.

O faro de Punta de Mera logra unha visión panorámica da baía da Coruña, transmitindo unha sensación de tranquilidade moi especial ao percorrer a costa rodeado de gaivotas e escoitando os rompentes das ondas. É unha área de interese xeomorfolóxico e paisaxístico catalogada como Lugar de Interese Comunitario dentro da Rede Natura 2000.

Este medio caracterízase por sistemas de correntes oceánicas combinadas con afloramentos de auga profunda rica en nutrientes, que xeran unha biodiversidade importante. Este feito unido ao paso de especies migratorias fai posible que se atopen na zona ata 65 especies de aves mariñas, 20 especies de cetáceos e 5 especies de tartarugas mariñas.

Gaivota patiamarela

A flora é principalmente herbácea e arbustiva, matogueira almofadada típica de ambientes costeiros, adaptada ao clima litoral con fortes ventos.

Podemos distinguir tres zonas: a máis baixa e próxima ao mar está ocupada por especies adaptadas ás paredes do acantilado como a Armeria pubigera. O seguinte tramo está ocupado por matogueira, principalmente uces (Erica sp.) e toxo (Ulex europaeus), que tinxe de amarelo a costa en primavera.

Uces

Ao longo da ruta pódese gozar da variedade de fauna, principalmente aves mariñas que aniñan e sobrevoan os cantís. A matogueira costeira que acompaña ao resto da ruta alberga outros animais como a papuxa montesa, o coello, a gaivota patiamarela (Larus michahellis), o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) ou o falcón peregrino (Falco peregrinus).

O centro de recepción de visitantes da Aula do Mar ten reproducións de bateas na que se poden ver os animais que existen no contorno e fotografías dos principais valores medioambientais. Pode resultar moi útil para obter información sobre posibles rutas e asesoramento ou guías para grupos.

Aula do Mar

Tamén un lugar de merecida visita nas proximidades da ruta é a Lagoa de Mera, un estanque artificial produto da extracción de arxila para a fabricación de ladrillos e tellas. Actualmente serve de refuxio para aves e peixes.

© Consorcio das Mariñas

Top