Ruta 4. Seixo Branco. Historia

Datos técnicos Natureza Historia Turismo Fotos e vídeos Descargas
 

O Seixo Branco
A ruta percorre os cantís da costa de Dexo-Serantes dende os cales se ve un filón branco de cuarzo, O Seixo Branco, que sae á superficie dando nome ao lugar. Dende algúns puntos pódese observar o illote chamado A Marola que inspirou o refrán mariñeiro que di “Quen pasa A Marola pasa a mar toda” pola forza e a bravura coa que é batido polo mar.

A súa situación escarpada e estratéxica converteuna no emprazamento dunha batería militar deseñada antes da Guerra Civil e abandonada a partir da segunda Guerra Mundial. Esta e outras baterías de costa instaladas no Golfo Ártabro tiñan por función a protección da zona costeira. Avanzando á dereita hai un búnker de vixilancia cuberto no seu momento por rochas de granito. É practicamente invisible dende o mar.

Exemplo de castro galego

Todo o municipio de Oleiros ten unha historia marcada pola influencia da cultura castrexa. A maior representación son os castros. Estes responden á morfoloxía típica do mundo castrexo galego. Localízanse en lugares elevados onde se situaba un poboado de casas circulares rodeadas dun muro defensivo con terrapléns e terrazas. O castro de Vixía de Subiña é o máis representativo. Trátase dun recinto duns 150 metros de diámetro e fortificado a través de dúas estruturas circulares concéntricas. Hai dous compartimentos defendidos por un muro de ata tres metros de altura libre e por un terraplén, tendo ambos os dous o acceso pola parte sur. Actualmente os castros están sen escavar.

© Consorcio das Mariñas

Top