Ruta 3. Porto de Dexo. Natureza

Datos técnicos Natureza Historia Turismo Fotos e vídeos Descargas
 

Esta ruta permite combinar tramos de litoral costeiro con zonas interiores polo que o contraste de flora e fauna é importante.

No tramo costeiro a flora é principalmente matogueira almofadada ou especies adaptadas a un medio litoral costeiro caracterizado polas acometidas do vento e as escarpas rochosas. Entre elas hai endemismos galaicos ou noroccidentais ibéricos coma a Armeria pubigera ou especies moi representativas, coma o toxo (Ulex europaeus) que viste de amarelo intenso numerosos tramos de costa. Percorrendo estes tramos escarpados chégase á cova Do Ladrón nas proximidades do castro de Punta Roza.

Carballo

A medida que nos afastamos da costa e da influencia do litoral e o vento, sobreviven formacións boscosas modificadas polo home en maior ou menor medida. Principalmente piñeirais e eucaliptais de plantación con individuos autóctonos intercalados, como carballos (Quercus robur e Quercus pyrenaica) e loureiros (Laurus nobilis).

No tramo máis interior, a proximidade dun pequeno regueiro dá lugar a formacións verdes exuberantes de vida, flora de ribeira acompañada do moi estendido fento común (Pteridium aquilinum). Este caracterízase polo seu doado desenvolvemento por reprodución asexual e rizomas subterráneos, polo que grandes superficies cubertas adoitan pertencer ao mesmo individuo. Entre as especies propias deste medio cómpre destacar ameneiros (Alnus glutinosa), chopos (Populus sp.), etc.

A fauna que acompaña ao tramo litoral está composta principalmente por aves mariñas, como a gaivota patiamarela (Larus michahellis) ou o corvo mariño grande (Phalacrocórax carbo). Nos cantís é doado observar os espectaculares voos do falcón peregrino (Falco peregrinus).

Falcón peregrino

Máis cara ao interior, entre matogueiras e piñeirais, atópanse diversas especies como a papuxa montesa (Sylvia undata) ou a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), unha especie nocturna que se alimenta de insectos en voo.

Píntega

Entre os réptiles están presentes algúns endemismos como a lagarta galega (Podarcis bocagei). Tamén hai mamíferos difíciles de observar coma o furón bravo (Mustela putorius).

© Consorcio das Mariñas

Top