Ruta 3. Porto de Dexo. Historia

Datos técnicos Natureza Historia Turismo Fotos e vídeos Descargas
 

Numerosas rutas de navegación facían escala ao longo da costa polo que existen pegadas de emprazamento de tribos celtas, os Ártabros. A historia máis documentada pertence á cultura castrexa e a súa representación material son os castros presentes e conservados en maior ou menor medida. Responden á tipoloxía do mundo castrexo galego. Están situados en lugares elevados, onde se situaba un poboado de casas circulares rodeadas dun muro defensivo con terrapléns e terrazas. Cabe destacar o castro de Punta Roza ao que se chegará percorrendo esta ruta, aínda que na actualidade está sen escavar.

Santa María de Dexo

Esta ruta pode realizarse comezando e rematando o seu percorrido dende dous puntos: no porto de Dexo e na igrexa de Santa María de Dexo. É unha igrexa románica do século XII. Segundo a tradición, un monxe descendente afastado de Caio Serbio Lupo construíuna para instalarse alí fuxindo do posible descubrimento dos pecados que lle farían perder a súa ocupación relixiosa. En 1108 foi consagrada polo arcebispo de Santiago e en 1903 sufriu un incendio ao que sobreviviu conservando en bo estado a súa construción.

Ten unha planta rectangular dunha soa nave rematada nunha ábsida semicircular. A fachada principal sigue a estrutura típica do románico abrindo ao exterior tres portas: dos laterais de medio punto e unha principal de maior interese. Consta de tres arquivoltas de medio punto con decoración xeométrica e no tímpano aparece unha cruz. Remátase cunha espadana dobre de época posterior. O muro exterior sobre o que se apoia o aleiro ten representacións de cabezas humanas e de animais, sendo moi representativa a imaxe dun año, o Año Místico.

Muíño de Dexo

No transcurso da ruta atoparemos o muíño de Dexo. No municipio de Oleiros existen gran cantidade de muíños de auga situados nas marxes dos ríos. Estas construcións rurais proliferaron ao tempo que se introducía o millo na rexión. Son edificios de pedra alfaia próximos a pequenas fervenzas que o paso do tempo avellentou e encriptou no medio natural.

Porto de Dexo

O asentamento deste pobo débese aos recursos naturais que proporciona o mar e á situación estratéxica do porto natural de Dexo. Restrinxido a unha cala de reducidas dimensións condicionou a forma de pesca e navegación xa que só podían empregar pequenas embarcacións e aparellos para cargar e descargar as mercadorías, como o guindastre. A evolución nos sistemas de pesca e as dificultades de acceso a este porto promoveron o feito de que na actualidade sexa unicamente disfrutada como praia. Dende este punto e algúns outros da ruta pódese observar o illote chamado A Marola que inspirou o refrán mariñeiro que di: “Quen pasa A Marola pasa a mar toda”, pola forza e a bravura coa que é golpeado polo mar.

© Consorcio das Mariñas

Top