Ruta 2. Ríos de Cambre. Natureza

Datos técnicos Natureza Historia Turismo Fotos e vídeos Descargas
 

Cambre presenta un clima de influencia oceánica aínda que practicamente carece de costa e esta restrínxese ao termo de O Temple. Este clima atlántico húmido mantén temperaturas suaves ao longo do ano.

Ponte de madeira sobre o río Mero

Todo o municipio está bañado por diversos ríos; o Mero e os seus afluentes atravesan o termo de este a oeste e verten as súas augas ao encoro de Abegondo-Cecebre. A ruta percorre tres deles polo que se caracteriza pola presenza de flora de ribeira e bosques de galería. Estes bosques constitúen as formacións que acompañan aos ríos en primeira e segunda liña e as súas raíces son imprescindibles para o mantemento e a retención da beira, que intenta ser arrastrada pola canle. Pese a ser resistentes á auga son moi vulnerables á actividade humana e a alteración do leito do río ou a súa modificación pode impedir que non se desenvolvan ou sexan desprazados por especies foráneas menos específicas.

Non obstante neste caso a actividade humana e o uso do solo impediu a formación propia de fragas grandes de castiñeiros (Castanea sativa) e carballos (Quercus robur) estando diseminados e reducidos, substituídos en moitas ocasións por piñeiros e eucaliptos. Predomina no seu lugar vexetación hidrófila e acuática de menor porte como carrizais (Cortaderia selloana) considerados como plantas invasoras en zonas alteradas, espadanas (Typha latifolia), nenúfares (Nymphaeaceae sp), etc.

Picapeixe

Esta diversidade de hábitats, os tramos fluviais e o encoro de Abegondo-Cecebre permitiron o desenvolvemento de gran variedade de fauna, principalmente ornitolóxica. Neles podemos atopar especies como o bilurico bailón (Actitis hypoleucus), moi común en Galicia, aves indicadoras de calidade ambiental como o picapeixe (Alcedo athis), etc. Están presentes distintas especies de córvidos como choias (Corvus corone) e gaios (Garrulus glandarius), estes últimos moi peculiares pola súa rechamante plumaxe de cor marrón clara e as negras con manchas listadas de azul metalizado. Tamén hai aves rapaces, algunhas delas moi abundantes coma o miñato común (Buteo buteo), que resultan doados de observar pousados nalgún poste eléctrico. As rapaces nocturnas son difíciles de ver polos seus hábitos, pero é doado escoitar o seu reclamo dende a distancia. Entre elas destaca a curuxa (Tyto alba) e a avelaiona (Strix aluco).

A diversidade de mamíferos é importante; hai especies acuáticas como a lontra (Lutra lutra) que ten unha pegada fácil de localizar nas beiras do leito do río, aínda que é difícil de observar e especies preferentemente forestais coma o raposo (Vulpes vulpes), e o porco teixo (Meles meles) ou a xeneta (Genetta genetta).

Lontra

Este medio claramente fluvial está moi alterado polo emprego do solo, polo que a variedade de anfibios é menor da que existiría en condicións óptimas, aínda que cómpre destacar a ra patilonga (Rana iberica), endémica da península Ibérica.

No transcurso da ruta poden cruzarse algúns réptiles diante do camiño; entre eles, o liscrán ou escáncer (Anguis fragilis), lagartos sen patas completamente inofensivos e moi abundantes en Galicia.

© Consorcio das Mariñas

Top