Ruta 2. Ríos de Cambre. Historia

Datos técnicos Natureza Historia Turismo Fotos e vídeos Descargas
 

A historia da comarca semella remontarse ao Neolítico aínda que os vestixios máis significativos pertencen á Idade de Ferro coa existencia de varios castros. Estes castros responden á morfoloxía típica da cultura castrexa galega. Atópanse en lugares elevados onde se situaba un poboado de casas circulares rodeadas dun muro defensivo con terrapléns e terrazas. En Cambre consérvase unha ducia de castros e só amosan indicios de muros e terrapléns, sendo o máis representativo pola súa grandeza e situación o Castro de Sigrás, que domina os vales do río Mero e o río Gaiteiro.

A influencia castrexa e prerromana deu forma a interesantes lendas que xiran en torno a Cambre en maior ou menor medida. Unha delas conta que dende o altar da igrexa de Santa María existía un pasadizo que levaba directamente ao castro situado nas proximidades. Isto suporía unha vía de escape para os monxes beneditinos en caso de perigo. Outra lenda, “O pozo da campá”, conta que unha enorme campá agochada no río Mero, aos pés do castro, só se escoita tocar cando vai ocorrer algún perigo.

Tamén se atoparon restos dunha posible vila romana que quizais empregase as estruturas castrexas pola súa situación estratéxica e as vías de comunicación asociadas a necrópolis megalíticas. Existen restos dunha calzada romana que se dirixía dende A Coruña a Betanzos atravesando o Mero.

Na Alta Idade Media é probable que estas terras sufrisen incursións vandálicas de piratas normandos e posteriormente dos califas musulmáns de Córdoba.

Os primeiros rexistros documentados débense á construción dunha igrexa nun lugar coñecido como “Calambre” e a dote outorgada á devandita igrexa abarcaba a vila de Cambre e os seus arredores. Ademais, converteuse en ruta de paso de peregrinos e mercadorías polo que os cabaleiros templarios controlaron e protexeron o camiño ao longo do seu percorrido.

Santa María de Cambre

Segundo os historiadores foron estes ou o mosteiro beneditino de Santa María de Cambre os que lle deron nome ao municipio. Este mosteiro, levantado no século XII, está ligado aos templarios, que tiñan o seus castelo-fortaleza á beira da ponte do Burgo, hoxe parroquia do Temple; adquiriu así gran importancia o Camiño Inglés que levaba ata Santiago de Compostela.

É unha das igrexas máis importantes de Galicia, considerada como unha das xoias da arte románica galega do século XII e a única igrexa parroquial galega con planta catedralicia. Foi mandada construír pola familia de Traba sobre restos romanos e da alta idade media (932). A igrexa actual é un templo con planta de cruz latina con tres naves, cruceiro e deambulatorio con capelas. No século XVII sufriu varias modificacións. Cómpre mencionar a pila bautismal coñecida como a Hidria de Xerusalén. Está clasificada como Monumento Nacional e posúe un gran valor histórico artístico.

Na parroquia de Bribes estableceuse o mosteiro de San Cibrao. De este queda a casa reitoral de planta rectangular e cheminea de granito, cun pombal e un hórreo. Está rodeada dun muro de cachotaría cun portalón e o escudo de San Martiño Pinario.

Mosteiro de San Cibrao

No transcurso da ruta, no Val de Lema, obsérvase a igrexa de San Paio de Brexo, unha construción do século XVIII. No cruce de camiños situado enfronte érguese un interesante cruceiro que quizais sinale unha variante do Camiño de Santiago. Na base que suxeita un fuste cilíndrico están esculpidas dúas vieiras e trátase dun dos cruceiros máis antigos do axuntamento, mesturado o románico avanzado con formas próximas ao barroco.

En todo o Concello de Cambre hai numerosos pazos, fermosas casas señoriais como o Pazo de Anceis construída no século XVII e de estilo barroco. Ademais, esta paisaxe fluvial deu pé á construción de numerosos muíños. Estas construcións rurais proliferaron á par que se introducía o millo na rexión. Son edificios de pedra alfaia próximos a pequenas fervenzas.

Muíño de Peiraio

Nesta ruta pasaremos xunto ao muíño de Peiraio que da nome á ponte próxima. A súa construción é modernista, segue en funcionamento e está moi ben conservado. Caracterízase por ter unha roda vertical exterior e dúas rodas dentadas que serven para o movemento circular da moa. No lugar houbo unha ermida, o seu abade Gudesindo de “Pireaio” recibiu no ano 917 unha doazón do rei Ordoño II. O significado do termo equivale a “peirao”, e é probable que chegasen embarcacións con mercadorías ou pasaxe ao lugar.

Por último, cómpre mencionar que a zona de Cecebre se fixo famosa grazas a inspirar ao escritor Wenceslao Fernández Flórez a súa obra “El bosque animado”.

© Consorcio das Mariñas

Top