Ruta 1. Sisalde-Costa Arteixo. Natureza

Datos técnicos Natureza Historia Turismo Fotos e vídeos Descargas
 

O municipio está limitado polo norte co océano Atlántico debuxando doce quilómetros de abrupta costa e numerosas praias. Este medio caracterízase por sistemas de correntes oceánicas combinadas con afloramentos de auga profunda rica en nutrientes, que xeran unha abundante biodiversidade. Este feito unido ao paso de especies migratorias fai posible que se atopen na zona ata 65 especies de aves mariñas, 20 especies de cetáceos e 5 especies de tartarugas mariñas.

Sisalde é un val fluvial veado por ríos coma O Bolaños e Sisalde que xunto á proximidade do mar contribúen a xerar unhas condicións ambientais húmidas e favorables para o desenvolvemento de flora e fauna. O clima oceánico e húmido orixina precipitacións abundantes entre novembro e decembro e néboas frecuente ao longo do ano pero mantén unha temperatura agradable en todas as estacións. A zona de litoral é recortada, con entrantes e saíntes escarpados que xeran fortes contrastes entre montes elevados e vales máis profundos.

Corvo mariño

Esta ruta logra combinar a esencia do litoral atlántico salpicado de costas e praias co percorrido interior do río Sisalde, un paseo fluvial pouco antropizado caracterizado pola presenza de flora de ribeira autóctona e bosques de galería típicos de áreas pouco alteradas e afastadas do home. Estes bosques de galería constitúen as formacións que acompañan aos ríos en primeira e segunda liña e as súas raíces son imprescindibles para o mantemento e a retención da beira, que intenta ser arrastrada pola canle. A pesar de seren resistentes á auga, son moi vulnerables á actividade humana; e a alteración do cauce ou a súa modificación pode implicar que non se desenvolvan e sexan desprazados por especies foráneas menos específicas.

A recuperación deste tramo permite atopar ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix atrocinerea), bidueiros (Betula celtiberica) e plantas acuáticas como a espadana (Typha latifolia). Isto xera grandes contrastes entre verdes claros e escuros acompañados do frescor típico dunha ribeira.

Focha común

Este ambiente resulta moi axeitado para a fauna, destacando a existencia de lontras (Lutra lutra). Aínda que é difícil de observar polos seus hábitos nocturnos, é posible atopar pegadas e restos na beira xa que a súa presenza se considera regular. A riqueza ornitolóxica nesta zona alegra o percorrido pola presenza e o canto de distintas especies. Nos carrizais e na zona de ribeira hai especies consideradas en perigo de extinción, como a escriventa das canaveiras (Emberiza schoeniclus) e especies indicadoras de calidade ambiental como o picapeixe común (Alcedo athis).

No encoro de Rexedoiro, Meicende e na lagoa do río Bolaños é posible ver galiñolas negras (Fulica atra), galiñolas comúns (Gallinula chloropus) e garzas reais (Ardea cinerea), ave zancuda de gran tamaño que permanece inmóbil buscando peixes.

Tamén hai que destacar a presenza de aves no interior das rías e encoros como corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo), aves pescadoras que teñen a plumaxe permeable para poder mergullarse e chegar ata peixes profundos, polo que precisan secar as plumas despois de pescar e resulta doado atopalos pousados nas árbores e en pedras coas alas estendidas ao sol.

Tamén son abundantes as gaivotas, principalmente choronas e patiamarelas, aves ligadas a vilas pesqueiras. Favorecidos por este medio húmido, abundan especies anfibias como a ra das figueiras (Hyla arborea) e a píntega verde (Triturus marmoratus).

No resto do val son comúns os bosques ibéricos de influencia atlántica como os formados por Quercus robur. O carballo é moi esixente coa humidade e os solos profundos e caracterízase polas follas caducas lobuladas, troncos robustos de crecemento lento que acadan ata 40 metros. Tamén son importantes os castiñeiros (Castanea sativa), formadores de bosques lonxevos de folla caduca con árbores grandes de copas redondeadas cando non están manexados polo home. Neles habitan especies xeralistas como raposos (Vulpes vulpes), ademais de gran variedade de aves forestais.

Raposo

© Consorcio das Mariñas

Top