Ruta 1. Sisalde-Costa Arteixo. Historia

Datos técnicos Natureza Historia Turismo Fotos e vídeos Descargas
 

Arteixo é un municipio costeiro cunha importante influencia celta e romana. Considérase o termo “Arteixo” como unha palabra de orixe prerromana. Hai diversas teorías non excluíntes acerca da súa orixe. Unha delas parte da raíz art- (concavidade) aludindo á súa orografía como “val de fondo plano e vertentes inclinadas”. Tamén se considera un derivado da raíz ar- referido a augas e correntes fluviais.

A tribo celta dos Ártabros que habitou na zona ata a chegada das tropas romanas de Xulio César no ano 62 puido contribuír á formación do topónimo. No concello hai restos arqueolóxicos do Paleolítico e nas escavacións realizadas no Campamento Costeiro do Reiro (Chamín) atopáronse unha comunidade mesolítica e pegadas de industria lítica e de prospeccións mineiras xa na época prerromana.

Ponte dos Brozos

Os romanos ocuparon estas terras e crearon un enlace entre A Coruña e as terras de Bergantiños: a vía XX que se conserva no municipio. O monumento máis representativo desta época pódese observar no tramo fluvial da ruta, atravesando o río Bolaños: a Ponte dos Brozos. É unha das poucas pontes romanas auténticas que se conservan en toda Galicia. Está formada por dous arcos e ramplas de acceso coa súa calzada orixinal. Foi restaurada no século XIX.

Durante a Idade Media, foi paso dunha ruta xacobea de peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela. Neste período o municipio foi dominado por diversos señoríos, coma o de Anteiro, sen constituír unha única unidade territorial. Erguéronse importantes igrexas de estilo románico, algunhas das cales foron citadas en escrituras do século XII e no testamento de dona Urraca; como a de Morás e a de Monteagudo. Esta última foi levantada a finais do século, sendo a de maior tamaño de estilo románico na zona. É un templo de planta basilical con tres naves e tres ábsidas semicilíndricas con pequenas ventás, formadas por arcos de medio punto.

Igrexa de Monteagudo

En 1815 Porlier elaborou a contestación ao poder absoluto de Fernando VII desde o balneario e en 1820 encóntrase unificado e constituído o Axuntamento Constitucional de Arteixo.

O estilo de vida rural transformouse a principios dos 70 co Polígono Industrial de Sabón. Este constituíu un incremento exponencial tanto demográfico como económico e actualmente é unha das áreas industriais máis importantes de toda Galicia.

© Consorcio das Mariñas

Top